martes, 17 de marzo de 2015

Eclipse de sol. 20-3-2015

O venres 20, entre as 9 e as 11 e media da mañá poderemos ver un fenómeno astronómico pouco habitual, un eclipse total de sol. Para ser exactos, total en zonas próximas ó Ártico como as Illas Feroe. Aínda que na nosa situación, podemos ter unha das mellores vistas de toda a Península Ibérica, chegando a unha ocultación aproximada do 70%.


É importante que tomemos precaucións se queremos observar o eclipse se non queremos sufrir danos nos ollos. Durante o eclipse, o ollo percibe menos luz solar e abre máis a pupila, como cando se fai de noite. O problema é que, ó contrario que pola noite, as radiacións infravermella e ultravioleta seguen chegando ós ollos, podendo provocar desde irritacións e queimaduras leves ata cegueira.

Polo tanto, nunca, baixo ningún concepto miredes directamente ó sol, nin utilizando diversas formas de protexerse que son ineficaces, como gafas de sol, cristais afumados, etc. E por suposto, tampouco por un espello ou na auga, que as radiacións refléxanse e chegarían igual ós nosos ollos.
Nesta páxina temos unha serie de consellos importantes para a súa observación: Cuida.Tu.Vista.com.

Tamén podedes ampliar información neste blog relacionado coa ciencia: Microsiervos.

Por se chegastes aquí sen ler o enlace anterior (mal, moi mal feito!), lembrade que nese enlace hai outro que vos leva a unha retransmisión en directo do eclipse, a que farán desde o observatorio virtual Slooh.

Como curiosidades, as sombras tenden a alongarse e notaremos un lixeiro descenso da temperatura segundo vaia aumentando a ocultación do sol. Outra curiosidade é ver como en outros lugares comprobarán o funcionamento do sistema enerxético do país, no que a enerxía solar ten un papel importante e durante o eclipse sufrirá un pequeno baixón, como en Alemaña (ver enlace).

E se queredes escoitar música, que de todo hai, tedes aquí o tema "Eclipse" do álbum "The Dark Side of Moon" de Pink Floyd.

Saúdos e coidado coa vista.

viernes, 6 de marzo de 2015

Máis fotos fóra de concurso

O departamento de Matemáticas non ía ser menos, fotos de Suso. Nestas fotos hai un pouquiño de retoque con Instagram, para aumentar lixeiramente o contraste e a nítidez do que vemos.

(Arco da vella. Lugo)

 (Chuvia preto de Bóveda. Non chovía ó revés,a foto
é do cristal de diante dun coche desde dentro) 


(Pingas de chuvia no musgo. No aparcamento que
está entre o noso instituto e o centro de saúde) 

Algunhas fotos fóra de concurso

Fotos cedidas pola nosa profesora de Educación Física, Sabela.


(Neve vista desde Quiroga, vese moi ben a liña que marca a cota de neve)


(Atardecer enladrillado en Santiago)

Concurso de fotografía meteorolóxica

Este ano imos tratar de facer as nosas propias fotografías do tempo, como as que podemos ver hoxe en día na maioría de informativos da televisión. Para darlle algo de motivación ó asunto, temos un concurso. As bases son as seguintes:

1. O tema é o clima, os fenómenos meteorolóxicos e as posibles consecuencias dos mesmos.

2. Pode participar todo o alumnado e o persoal do IES de Quiroga, entregando fotografías orixinais e inéditas.

3. As fotografías deben presentarse en formato dixital ou impresas en papel fotográfico, achegándolles un título. No primeiro caso, pódense entregar os arquivos ós profesores responsables do Plan Proxecta Meteoescolas no centro, Espinosa e Suso. (Tamén se admitirán fotos de móbiles).

4. Admítense formatos nos que se utilizan retoques, tipo Instagram, Retrica, Photoshop, Gimp, etc. Nese caso hai que indicar que as fotos están retocadas.

5. Un dos aspectos que se valorará moi positivamente será que se acompañe a fotografía dunha explicación, na que ademais de especificar a data e o lugar, se faga unha aclaración sobre o tema da fotografía.

6. O xurado estará composto por varios membros do profesorado.

7. O xurado comunicará publicamente o seu fallo antes de fin de curso.

8. Salvo aquelas que non acaden uns requisitos mínimos de calidade, as fotografías publicaranse no blog “Meteoquiroga” e, se hai una cantidade suficiente delas, poderán formar parte dunha exposición no noso instituto.

9. O prazo de admisión remata o 8 de xuño de 2015. En caso de presentarse máis tarde, as fotografías poderían formar parte da exposición, pero non participar no concurso.

10. Os premios están aínda por determinar. Dependerá da cantidade de fotografías presentadas.

Ánimo, que xa estamos agardando polas vosas fotos!

Saúdos.