martes, 17 de marzo de 2015

Eclipse de sol. 20-3-2015

O venres 20, entre as 9 e as 11 e media da mañá poderemos ver un fenómeno astronómico pouco habitual, un eclipse total de sol. Para ser exactos, total en zonas próximas ó Ártico como as Illas Feroe. Aínda que na nosa situación, podemos ter unha das mellores vistas de toda a Península Ibérica, chegando a unha ocultación aproximada do 70%.


É importante que tomemos precaucións se queremos observar o eclipse se non queremos sufrir danos nos ollos. Durante o eclipse, o ollo percibe menos luz solar e abre máis a pupila, como cando se fai de noite. O problema é que, ó contrario que pola noite, as radiacións infravermella e ultravioleta seguen chegando ós ollos, podendo provocar desde irritacións e queimaduras leves ata cegueira.

Polo tanto, nunca, baixo ningún concepto miredes directamente ó sol, nin utilizando diversas formas de protexerse que son ineficaces, como gafas de sol, cristais afumados, etc. E por suposto, tampouco por un espello ou na auga, que as radiacións refléxanse e chegarían igual ós nosos ollos.
Nesta páxina temos unha serie de consellos importantes para a súa observación: Cuida.Tu.Vista.com.

Tamén podedes ampliar información neste blog relacionado coa ciencia: Microsiervos.

Por se chegastes aquí sen ler o enlace anterior (mal, moi mal feito!), lembrade que nese enlace hai outro que vos leva a unha retransmisión en directo do eclipse, a que farán desde o observatorio virtual Slooh.

Como curiosidades, as sombras tenden a alongarse e notaremos un lixeiro descenso da temperatura segundo vaia aumentando a ocultación do sol. Outra curiosidade é ver como en outros lugares comprobarán o funcionamento do sistema enerxético do país, no que a enerxía solar ten un papel importante e durante o eclipse sufrirá un pequeno baixón, como en Alemaña (ver enlace).

E se queredes escoitar música, que de todo hai, tedes aquí o tema "Eclipse" do álbum "The Dark Side of Moon" de Pink Floyd.

Saúdos e coidado coa vista.

No hay comentarios:

Publicar un comentario